Declarado LIC en 2004 e ZEC en 2014. A variedade de paisaxes fluviais do río Tea, en apenas cincuenta quilómetros de lonxitude, convérteno no referente ecolóxico da comarca do Condado. Desde o seu nacemento no alto de Moncelos, entre as serras do Suído e Faro de Avión, ata desembocar no Miño, en Salvaterra, mantén importantes formacións de bosques de ribeira.
As praias fluviais e áreas de lecer permiten o achegamento da poboación en numerosos puntos. Algunhas delas son de gran beleza, como o vao dos Pasos de Tatín ou a Ponte de Cernadela, de orixe romana, impresionante polos seus cinco e irregulares arcos. Outro dos lugares destacados do río Tea é o seu paso por Mondariz-Balneario, o concello máis pequeno de Galicia, e famoso polo seu balneario.